22 de ago. de 2011

Por un novo concello: Bezoucos, a terra entre rías

Bezoucos.- No medio do debate sobre redución de concellos para facer máis eficiente e economicamente viable a administración local. Con 317 municipios en Galicia, a proposta de reducir o número para rebaixar o gasto público gaña adeptos.
Unha xestión eficiente dos servizos públicos demanda unha dimensión mínima dos municipios, tanto demográfica como económica. No camiño de facilitar a fusión de concellos para formar outras entidades de maior tamaño co fin de mellorar a eficiencia e reducir os custos na prestación dos servizos. Temos unha proposta rebuldeira: a Terra de Bezoucos.

Os concellos da zona deben superar o seu escaso peso político e a escaseza de recursos financeiros, ademais de loitar contra a redución da poboación. Se camiñan cara ao porto da optimización deberán optar por integrar unidades administrativas máis grandes co fin de poder ofrecer debidamente os servizos públicos que demandan os veciños e atraer novos veciños.
A ineficiencia actual combátese con opcións razoables, de futuro. Hai que potenciar xa as reformas para acadar o mellor servizo público co menor custo. A suxestión que lanzamos dende aquí é xuntar os concellos na Terra de Bezoucos: Ares, Cabanas, A Capela, Fene e Mugardos.
As razóns son sinxelas e directas: 
1º Os municipios de Bezoucos xuntan máis 30.000 habitantes
2º A futura Terra de Bezoucos podería optar a maiores ingresos da Xunta e do Estado
3º Os concellos de Bezoucos reducirían un 57% os seus representantes políticos, dos 67 edís actuais ós 27
4º Os concellos de Bezoucos pertencen ó distrito xudicial de Ferrol


Concello Poboación Concelleiros
ARES 5.705 13
CABANAS 3.375 11
CAPELA (A) 1.399 9
FENE 14.092 17
MUGARDOS 5.536 13
BEZOUCOS 30.107 27